Friday 17 de May de 2024

Cariño prepárase para unha fin de semana marcada pola cultura para toda a familia


A pista polideportiva de Feás acollerá o sábado un espectáculo circense, e para o domingo está prevista a actuación de Teatro Ghazafelhos na pista polideportiva de Sismundi.
O Concello de Cariño continúa coa súa aposta pola cultura de calidade e universal, á que poidan acceder todo tipo de públicos. Para esta fin de semana están proxectados varios eventos.
A pista polideportiva de Feás acollerá o sábado 12 de setembro un espectáculo de carácter circense, Circo de Lume, que correrá a cargo de Asacocirco. Dará comezo ás 21:00 horas, nun evento que mestura técnica de danzas con malabarismos, manipulación, pirofaxia, humor e teatro directo co público.
Un día máis tarde, o domingo 13 de setembro, dará comezo ás 12:00 horas Acuario, de Teatro Ghazafelhos e versado no libro homónimo de María Canosa. Será na pista polideportiva de Sismundi, e o obxectivo desta actividade é que a xente miúda da casa achéguese á poesía en lingua galega, á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica.
O aforo completarase por estrita orde de chegada e o Concello de Cariño poñerá a disposición xel hidroalcohólico para lavarse as mans antes de acceder aos asentos.
Desde a administración lémbrase, con todo, a obrigatoriedade de usar máscara durante todo o espectáculo. Á súa vez, tomarase nota dos datos persoais aos asistentes para un posible seguimento en caso de saltar un positivo en COVID-19.